martes, 31 de enero de 2012

CULTURA. ENTREVISTA A 'MERO'

NOTA PREVIA: Parte desta entrevista foi publicada no suplemento 'A Chaira', do xornal El Progreso, o día 23 de agosto de 2011. Ó non haber suficiente espazo nas páxinas correspondentes, o texto non puido ser reproducido na súa totalidade e, ademais, ó tratarse dunha edición local, foron poucos os afortunados que tiveron a posibilidade de ler esta entrevista. Por esas mesmas razóns vinme na obriga de recoller a gravación orixinal, editala e poñela á disposición de tódolos interesados. Asegúrolles, xa antes de que comecen a ler, que non ten despercicio ningún.
 
BALDOMERO IGLESIAS DOBARRIO ‘MERO’
''TEMOS QUE SER CRÍTICOS COAS COUSAS QUE SUCEDEN NO MUNDO''
Nunha sociedade na que a falsidade e as dobres caras marcan a pauta a seguir, resulta marabilloso poder atopar unha excepción a esa regra, un exemplo de home íntegro, natural e libre, que é, segundo el mesmo, «un dos poucos contestatarios que aínda quedan»
por Baruk Domínguez

MERO É NOME de peixe, de bo peixe, como dirían as avoas. Un peixe músico que acadou numeroso éxitos tanto con Fuxan os Ventos como coa Quenlla. Un peixe poeta que vén de publicar hai pouco un poemario sincero e crítico cos tempos que corren: ‘No papel que mudo escoita’. E por último, quizais a súa faceta máis descoñecida, pero non por iso a menos importante, un peixe mestre, que soamente desexa que os seus alumnos acaden a felicidade algún día. Así é Baldomero Iglesias Dobarrio, ‘Mero’, un peixe dos que xa non quedan.

Es un home de Vilalba que vive en Xanceda. Botas de menos a Chaira durante o curso?
Moitísimo. De feito veño tódalas semanas a Lugo, onde teño a miña familia. A miña vida é un completo e absoluto regreso á Terra Chá. E ademais é un referente que teño imborrable en min: sempre que penso algo ou fago calquera cousa, aquelas terras, aquel espazo vital márcame tan poderosamente que eu vexo a través da Terra Chá, non sei se é un modo de ver a vida e as cousas, pero eu vexo a través dela.

Que significa a Chaira para ti?
Eu penso que ser chairego é un sentimento; os que somos chairegos temos unha diferente maneira de sentir. Aínda este verán, cando enterrabamos a unha amiga na Pastoriza, alguén me contaba, sabedor da miña paixón pola etnografía, que noutras terras coma o Morrazo os enterros eran unha celebración, e non tiñan un compoñente de pena tan marcado coma os da Terra Chá. Aquí a morte é algo triste porque se perde a presenza física, pero prevalece a súa memoria ó longo do tempo. Na Terra Chá, precisamente por ser chá, temos unha visión lonxana do horizonte, onde incluso atopamos ós seres queridos que perdemos.

E dende esa perspectiva lonxana pensas, como mestre, que a educación foi a peor?
A peor non, cambia. Os nenos de hoxe teñen un gran problema de illamento e de relacións cos outros compañeiros; teñen un pánico atroz a expresarse diante deles, porque están todo o día coa súa maquiniña, algo que non pasaba cando nós eramos pequenos, xa que tiñamos un maior gusto polos xogos e pola natureza. Cambian as apetencias, as motivacións, e o mestre ten que estar pendente deses cambios. Por exemplo, antes para facer un traballo, mandábanche ler un libro; agora, para chegar ó libro, tes que incentivalos por medio de Internet, dalgunha película, para que, polo menos, coñezan algo do libro. Os nenos trocaron o pensamento un 100%.

E neses cambios nótase un certo regusto de indiferencia ou pasotismo?
Eu creo que non, os nenos son seres sensibles, afortunadamente. O que pasa é que vai tan atrás o sistema educativo, os curas e a política que moitos dos nenos pasan de relixión, políticos e incluso dos mestres, que, segundo eles, están ancorados no ano da polca e non se deron conta de que as cousas mudaron. Os nenos son capaces de aprender calquera cousa de memoria, pero rinse diso, xa que é unha simpleza e non lles aporta ningún beneficio. En definitiva temos que ser máis listos, e tanto as relixións como as opinións, científicas e filosóficas, teñen que avanzar cara a autenticidade, xa que eles non se fían, desconfían de todo o que ven, xa que a realidade non se corresponde co que se lles ensina. A educación ten que apurarse moito, xa que hoxe as regras cambiaron. Antes tiñan que facer operacións interminables para resolver un problema, e agora cun botón xa está solucionada. Agora é todo máis individual, os nenos non saben facer cousas xuntos, que é o bonito. Teñen unhas habilidades artísticas encomiables, pero non saben cantar cos outros nenos. Moitos pasan da educación, porque saben que, por moito que fagan, non van ter traballo nun futuro. E, mentres que non se faga doutra maneira, é normal que pensen así.

Que opinas do fenómeno 15-M?
Para min tardou unha pila de tempo. Eu coñezo indignados dende hai anos, e teñen toda a razón: non funciona o sistema social. Ti tes dereito a unha vivenda digna, dereito a un traballo, a moitas cousas que che ten que proporcionar o Estado. E se os xestores dese Estado son malos, pois as cousas van como van. Agora os políticos andan mirando moito qué cousas do 15-M son boas e cales son malas. Que se poñan ó día, que se actualicen, porque están moi lonxe da realidade. Teñen que pasar fame para saber o que é a fame, e deixarse de decretos e de normas. Hai que deixar de teorizar é facer cousas xa para protexer o dereito á vida. Eu teño fillos con varias carreiras que se tiveron que marchar de España para traballar, e iso non pode seguir así. Por iso é necesario un dedo acusador que lles faga pagar ós que nos meteron nesta envainada.

Hai algunha reminiscencia do Maio do 68?
Pode ter. Hai un disgusto latente en todos nós porque nunca se resolveu o problema, que é ben sinxelo: non poden chupar tanto os que chupan, porque iso perxudica a un montón da sociedade e é algo impresentable. Por exemplo, eu non sei a que vén esta visita do Papa cando hai no mundo millóns de nenos en perigo de morte de fame. Temos que ser críticos coas cousas que suceden.

A xente era máis libre por dentro nos tempos do franquismo a pesar da represión externa?
Máis libre non, pero na ditadura sabíase quen eran os inimigos. Agora están por tódolos lados, aquel que pensas que é dos teus, revírase por un prato de lentellas. Eu levo toda a vida sendo un contestatario, nunca me gustou a sociedade que vin. Incluso nos mellores tempos da economía eu vía como roubaban a mans cheas, mentres que outros sangrabamos o pan de cada día. Fíxose unha mala transición, chea de silencios e cousas sen resolver, na que o maior delito, aínda agora, é ser quen somos. Por que? A lingua, o sentido común, o dereito á saúde, non son nin de esquerdas nin de dereitas. Son cousas nosas nas que non poden entrar os políticos.

Sería posible toda a arte que se fixo en Galicia durante o franquismo se non houbese represión?
Antes de falar disto teriamos que poñer en valor a arte galega, xa que temos un patrimonio que non merecemos, xa que nin sequera sabemos del. Temos uns músicos, uns artistas plásticos e uns poetas que son do copón, que teñen unha significancia a nivel español e incluso europeo. Pero para nós, son artistas de segunda ou terceira división, xa que non valoramos o que temos. Unha forma de pensar máxica e misteriosa como a que teñen relatores como Fole ou Cunqueiro é algo propio de nós, que non posúen outros pobos. E se poñemos iso en valor, poñemos en valor toda a nosa cultura.

É nacionalista a arte galega?
Á arte pasalle como á lingua: non é de esquerdas nin de dereitas, pero é de dentro. Se nas túas entrañas te ves conmovido pola paisaxe, polas cousas que suceden ó teu redor, entón serás un gran creador. E no caso de Fuxan os Ventos, cando aquí foron criticados, foron aplaudidos fóra, xa que aquí non se valorou nun principio. Simplemente faría falla mencionar que houbo uns investigadores que fixeron un traballo universitario sobre nós, sobre as cancións tradicionais que recompilaramos, e eses investigadores non eran de aquí, senón dunha universidade de Hungría! Non se dan conta ó noso lado, pero a miles de quilómetros si? Non pode ser, non se pode desperdiciar todo ese potencial que temos.

Por que marcharon Mini e Mero de Fuxan os Ventos?
Foi unha ruptura traumática, porque pensabamos distinto. Eles propúñannos unha liña doce, unha evocación das musas do pasado, dándolle a volta a un bisté ó que xa lle deron corenta voltas. Mini e máis eu queriamos poñer o dedo na ferida, ser contestatarios, insumisos, e foi daquela cando xurdiu A Quenlla.

E neste caso, o espírito reivindicativo dos inicios suavizouse a favor do lirismo?
Segue habendo ese espírito. De feito vimos de sacar un disco dobre, completamente reivindicativo, no que lles sacamos as cores a todos eses individuos que se cren protagonistas de algo que non lles corresponde e que, por desgraza, aínda non aprenderon nada. O que pasa é que vivimos noutra ditadura lingüística na que, coma nos tempos de Franco, case che piden o carné á hora de cantar.

‘No papel que mudo escoita’ é un libro cheo de poemas sociais. Que hai que reivindicar nos tempos de hoxe?
O dereito a ser quen somos, a nos como pobo roubaronnos a vontade de ser. É necesario ser conscientes de quen nolo roubaron para darnos conta de que e  necesario recuperalo e que mentres que non sexamos nos, non poderemos ser libres. Ser chairegos, ser galegos, con dereito a mirar ó noso pasado, coñecer a nosa memoria. Non podemos quedar no vacío, sen movernos do sitio como no poema ‘Penélope’ de Díaz Castro. E nós, que temos un pobo capaz, con xente coma os vellos galeguistas, que invitan a seguir, a tirarse á piscina. Teñen unha consciencia de ser intencionada, e é necesario que se incorpore a esta labor todo o mundo.

Hai unha certa morriña do pasado nos teus versos...
Sempre hai unha morriña do pasado, xa que no pasado está moita xente que nos alumeou o camiño. Miras cara atrás e ves a Celso Emilio Ferreiro, ves a Fiz Vergara Vilariño, a Suso Vaamonde, a Chano Piñeiro facendo primeiras películas en galego e pensas “qué terrible perda de tempo”. Por que non se lle axudou a toda esa xente? Por que morreron na miseria? E hoxe hai premios e premios co nome deles, pero durante a súa vida coñeceron unha triste miseria. É o que pasa sempre neste país: tes que morrer para que se che teña en conta medianamente. Ese é o gran drama dos artistas en Galicia.    

Vai o mundo a mellor ou a peor?
Necesariamente ten que ir a mellor. Ten que haber unha revolta social, pacífica, onde se lle tire das orellas ós culpables, onde paguen o que fixeron e onde se recupere dalgunha forma a cordura. Porque a cordura é o dereito a que os galegos exerzamos como que somos. Porque aínda que nos cambien a nosa nai por outra muller máis guapa e máis nova, sempre preferimos a nosa nai. Iso é a cordura, ese punto exacto de inflexión de ser quen somos e de querer ser quen somos, que é o que nos ofrece a primeira chave para acadar a liberdade.

E esa liberdade da que falas existe ou está encuberta?
Tódalas libertades entan sometidas. A xente nova sabédelo moi ben e nos medios de comunicación tamen e evidente. Sempre hai autocensura para escritores e artistas. Non levantas a voz porque che ofrecen a posibilidade de marchar, e xa hai corenta á porta para coller o teu posto. A liberdade non e unha teoría; é unha práctica cotiá, de ser quen es sen ofender a ninguén. E os políticos, ós que se lles enche falsamente a boca con esa palabra, pídolles, por favor, que non nos enganen con mentiras.

Debe o home recuperar as súas orixes, volver á terra?
É necesario. Temos un mundo cheo de faltas de coexistencia, no que os veciños que viven ao lado non se coñecen pola rúa, camiñan abstraídos nos seus pensamentos, non teñen con quen falar ou a quen querer. Iso vén provocado polo grave erro de perder o contacto coa terra. Porque a terra é necesaria. Primeiro é un contacto físico, de mancharse con ela; de mancharse ou de limparse, segundo se mire. Despois tamén é vital o contacto cos seres vivos, porque senón como humanos estamos perdidos. Non se pode perder o contacto con esa vida, porque deixamos de ser homes e pasamos a ser unha piltrafa, simples máquinas absurdas. Hai moita xente que non valora a vida porque non a coñeceu: as historias dos paxaros, os nomes das estrelas... Hai que conmoverse con todo ese mundo que temos, que é un tesouro. Se pasamos pola vida sen gozar deses tesouros, esa vida estará baleira, será unha vida triste. De feito, os manicomios están cheos de xente cun coeficiente intelectual moi alto, que se pasou de rosca porque non entende qué pinta aquí. E esa tolemia é, xunto ás guerras, un dos maiores fracasos do ser humano.


DE PRETO
«Aproveito o meu tempo libre para cortar no toxo e voltar ás orixes»

Era o pequeno Mero un ‘meniño rebuldeiro’?
Eu era moi pillo, un rabechas e un mimado, quen sabe os cristos que armei en Vilalba! Non me sometía ás normas, porque me criei con moita liberdade.
Música ou palabra?
Póñolle música unicamente a poetas de palabra limpa, por coherencia persoal. E en canto ó que eu escribo, son un egoísta, encántame escribir para min, e utilízoo como terapia.
Un poema para hoxe en día.
Hai un de Díaz Castro, ‘Penélope’, que di «Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move». É unha triste realidade que debemos cambiar.
Unha canción importante.
Aparte das cancións sociais hai unha preciosa de amor, musicada por Suso Vaamonde e baseada nun poema de Bernardino Graña, que comezaba «Como hei vivir mañá sen a luz túa?...
Que fai un cantor coma ti no seu tempo libre?
Cortar no toxo ou encerrarme nunha habitación para perderme na música, intentando musicar poemas complexos. Evádome moito na natureza, síntome vivo recuperando as miñas orixes.
Hai nos tempos de hoxe algún político que mereza a pena?
Poucos. Hainos honrados, pero non teñen moito poder. Os que ostentan hoxe o poder estan totalmente fóra da cordura. E a cordura do home é algo moito máis sinxelo que toda esa montaxe que nos preparan. Debería haber un codigo ético de respecto ás persoas.
Xa para rematar, qué sería de Mero sen Mini?
Moitas das cousas que Mini fixo non as faria sen min e moitas das cousas que eu fixen non as faria sen el. Os dous somos un apoio mutuo, unha amizade, sempre por riba das batallas e das cinzas.

lunes, 30 de enero de 2012

FÚTBOL. TERCEIRA DIVISIÓN

O Vilalbés corta a súa mala xeira de resultados cun empate ante o Ordes
A pesares das múltiples baixas, os chairegos lograron un bo resultado ante un equipo ordense moi serio e disciplinado


RÁCING VILALBÉS
1
1
S.D. ORDES
José Ángel
Diego López
Suso
Roberto Prieto
Álex
Hugo
Vicente
Justino
Erni
Rafita
Dani
Nico 83’

ADESTRADOR: Jesulín
(por sanción de Charly)
Mario
Álex Castro
Fiuza
Rubén
Cea
Baleato
Ángel
Padín
Petter
Antas
Dani Regos
Pablo Piñeiros 65’

ADESTRADOR: Nacho
GOLES
0-1 (min. 5’)
Córner botado polo equipo ordense que remata o central Fiuza tras un erro na marcaxe por parte da zaga local
1-1 (min. 66’)
Erni recibe un pase dende a medular, desfaise do seu defensor e bate a Mario cun gran disparo colocado á súa esquerda
ARBITRAXE
ÁRBITRO: Botana Rey, colexio santiagués (NOTABLE)
Amonestou a Diego López, Hugo e Nico por parte dos locais e a Cea, Petter, Baleato e Fiuza polo equipo visitante
INCIDENCIAS
Encontro da XXIII xornada do Grupo 1 de Terceira División desputado no Estadio Municipal de A Magdalena en Vilalba.
Clima soleado con temperatura fría.


A CRÓNICA
O Rácing Club Vilalbés logrou pór fin á súa dinámica perdedora cun sufrido empate ante un equipo, o do S.D. Ordes, que se amosou moi forte ó longo do encontro. Os coruñeses lograron adiantarse no encontro e, aínda que tiveron varias ocasións para lograr a victoria, a fortuna aliouse cos locais, que lograron igualar o partido mediada a segunda parte, unhas  táboas que serviron para contentar a ámbolos dous conxuntos.
            O partido comezou cun Rácing moi impreciso, con moitos erros de marca e demasiadas indecisións defensivas. No minuto 5, un córner botado polo equipo ordense foi rematado a pracer polo central Fiuza, e confirmou os peores temores da parroquia vilalbesa.
Lance do partido entre Vilalbés e Ordes (J.Vázquez/El Progreso)
            Durante o resto da primeira metade, o conxunto de Charly (que tivo que ver o partido desde a grada por sanción) non foi capaz de levar o peso do encontro, e soamente se achegou timidamente á meta de Mario mediante disparos frouxos a media e longa distancia. Tralo gol, o Ordes soamente se achegou unha vez de xeito perigoso, no minuto 25, cun bo tiro desde a frontal que propiciou unha gran parada de José Ángel.
            Na segunda metade, o Rácing Vilalbés logrou coller o temón e inquedou moito máis á defensa coruñesa. Nos primeiros minutos, Vicente tivo dúas claras ocasións para empatar o partido, pero non foi quen de finalizar. O Ordes tamén se achegou á área local cunha perigosa falta botada por Padín no minuto 53 que marchou preto da escadra racinguista, pero a ocasión máis clara chegaría dez minutos máis tarde, tras un taconazo espectacular de Baleato que José Ángel rematou despexando coa testa de xeito afortunado.
            Mediado o segundo tempo, no minuto 66, o dianteiro racinguista Erni logrou controlar un balón enviado desde a medular, marchar dos defensas ordenses e finalmente batir a Mario cun gran disparo colocado. Tralo gol do empate, o Vilalbés intentou ir a polo encontro dando entrada a Nico, que tivo algunhas oportunidades para lograr a victoria dos locais, aínda que o marcador non se volveu mover en toda a tarde.
Ó final, o reparto de puntos entre Rácing e Ordes serviu para poñer fin á xeira negativa de resultados do equipo vilalbés e tamén para confirmar as boas sensacións dun conxunto ordense que está a lograr importantes éxitos ante rivais moi complicados.  


Premio
Para o colexiado Botana Rey. Moi seguro e acertado nas súas decisións. Deixou xogar e non provocou xogadas polémicas.

Castigo
Para a primeira metade do conxunto local. Moitos erros e imprecisións provocados pola ansiedade e a falta de concentración.

Mazazo
Para Baleato. Tivo o 0-2 nas súas botas, pero o seu remate acrobático de calcaño atopouse coa cara do meta José Ángel.


PALABRA DE TÉCNICO

“Debemos mellorar resultados para rematar coa ansiedade”
Carlos Alberto Díaz Reboiro ‘Charly’
Rácing Club Vilalbés

“Vimos dunha mala dinámica, e xa nos primeiros minutos púxosenos o partido costa arriba. Na primeira parte faltou fluidez, algo provocado porque, mentalmente, chegamos ó partido con moita ansiedade. Aínda que temos moitas baixas por lesións e sancións, estas non son escusa para xustificar os malos resultados. Tralo paso polo vestiario houbo un cambio a mellor, xa que logramos dar amplitude ó campo e ter o control do balón. Con respecto ó colexiado, un dez para Botana, moi acertado e pouco protagonista; deixou xogar ós dous equipos”.


“Puidemos gañar, pero marchamos contentos co resultado
José Ignacio Fernández Pacios ‘Nacho’
S.D. Ordes


“Houbo momentos no que estivemos máis preto do 0-2 ca do empate. Tivemos ocasións para lograr a victoria nun campo moi complicado, contra un rival difícil, polo que hai que estar contentos. Tralas últimas xornadas atopamonos ben e, a pesar de termos un plantel curto, no que precisariamos máis fondo de armario, o certo é que amosamos un bo nivel de xogo. Hoxe estivemos mellor ca eles, pero penso que o Rácing ten equipo para estar nos postos altos da táboa”.


O PROTAGONISTA

Hugo Criado 
Mediocentro do Rácing Vilalbés
“Temos que comezar a gañar para non perder o tren da liga”
Quizáis non foi a súa mellor actuación da temporada pero, trala sanción do capitán Pablo Vivero (tres partidos), é o encargado de dirixir ó equipo dentro do campo. A remontada ante o Ordes non sería o mesmo sen a súa capacidade de mando na medular.

É importante este resultado tralas últimas derrotas?
É positivo, sobre todo porque remontamos, e o certo é que puntuar sempre conta. Aínda así, nos buscabamos un punto de inflexión, cunha victoria, logrando os tres puntos. As sensacións son agridoces, xa que levabamos unha dinámica mala e agora o equipo está mellorando.
Esa mellora tamén se notou entre a primeira e a segunda metade do encontro...
Houbo varios cambios tralo descanso: arranxamos desaxustes, pasamos a xogar con dous puntas, con máis caída en banda, e logramos meter ó Órdes na súa área durante boa parte dos segundos 45 minutos.
Hoxe o partido non destacou pola polémica arbitral. Aínda así, queda a resaca das xornadas anteriores?
Queda, pero xa non só polas decisións arbitrais, senón pola mala dinámica do equipo. Quedache a espiña de ‘a ver se damos arrancado, a ver se reaccionamos’, porque vemos que os demáis equipos tamén fallan, e temos que aproveitar iso. Necesitamos tres ou catro xornadas puntuando de tres en tres para engancharnos á liga.
E non será complicado, tendo en conta as múltiples baixas?
A verdade é que formamos unha plantilla moi equilibrada e moi competitiva, polo que os postos sempre quedan suficientemente ben cubertos. Aínda así, é certo que xa pola semana non se pode adestrar coa intensidade habitual, porque hai moita xente tocada e esa xente é importante. Sobre todo nas malas rachas nótase moito.
Chega agora un mes de febreiro ante rivais incómodos, e despois aínda quedan Ferrol, Cerceda e Deportivo, todos consecutivos. Hai medo?
Nós queremos cambiar a dinámica, polo que vamos enfrontar todos os partidos de ti a ti. Esa é a única maneira de coller o tren da liga para poder estar entre os catro primeiros.