lunes, 30 de enero de 2012

FÚTBOL. TERCEIRA DIVISIÓN

O Vilalbés corta a súa mala xeira de resultados cun empate ante o Ordes
A pesares das múltiples baixas, os chairegos lograron un bo resultado ante un equipo ordense moi serio e disciplinado


RÁCING VILALBÉS
1
1
S.D. ORDES
José Ángel
Diego López
Suso
Roberto Prieto
Álex
Hugo
Vicente
Justino
Erni
Rafita
Dani
Nico 83’

ADESTRADOR: Jesulín
(por sanción de Charly)
Mario
Álex Castro
Fiuza
Rubén
Cea
Baleato
Ángel
Padín
Petter
Antas
Dani Regos
Pablo Piñeiros 65’

ADESTRADOR: Nacho
GOLES
0-1 (min. 5’)
Córner botado polo equipo ordense que remata o central Fiuza tras un erro na marcaxe por parte da zaga local
1-1 (min. 66’)
Erni recibe un pase dende a medular, desfaise do seu defensor e bate a Mario cun gran disparo colocado á súa esquerda
ARBITRAXE
ÁRBITRO: Botana Rey, colexio santiagués (NOTABLE)
Amonestou a Diego López, Hugo e Nico por parte dos locais e a Cea, Petter, Baleato e Fiuza polo equipo visitante
INCIDENCIAS
Encontro da XXIII xornada do Grupo 1 de Terceira División desputado no Estadio Municipal de A Magdalena en Vilalba.
Clima soleado con temperatura fría.


A CRÓNICA
O Rácing Club Vilalbés logrou pór fin á súa dinámica perdedora cun sufrido empate ante un equipo, o do S.D. Ordes, que se amosou moi forte ó longo do encontro. Os coruñeses lograron adiantarse no encontro e, aínda que tiveron varias ocasións para lograr a victoria, a fortuna aliouse cos locais, que lograron igualar o partido mediada a segunda parte, unhas  táboas que serviron para contentar a ámbolos dous conxuntos.
            O partido comezou cun Rácing moi impreciso, con moitos erros de marca e demasiadas indecisións defensivas. No minuto 5, un córner botado polo equipo ordense foi rematado a pracer polo central Fiuza, e confirmou os peores temores da parroquia vilalbesa.
Lance do partido entre Vilalbés e Ordes (J.Vázquez/El Progreso)
            Durante o resto da primeira metade, o conxunto de Charly (que tivo que ver o partido desde a grada por sanción) non foi capaz de levar o peso do encontro, e soamente se achegou timidamente á meta de Mario mediante disparos frouxos a media e longa distancia. Tralo gol, o Ordes soamente se achegou unha vez de xeito perigoso, no minuto 25, cun bo tiro desde a frontal que propiciou unha gran parada de José Ángel.
            Na segunda metade, o Rácing Vilalbés logrou coller o temón e inquedou moito máis á defensa coruñesa. Nos primeiros minutos, Vicente tivo dúas claras ocasións para empatar o partido, pero non foi quen de finalizar. O Ordes tamén se achegou á área local cunha perigosa falta botada por Padín no minuto 53 que marchou preto da escadra racinguista, pero a ocasión máis clara chegaría dez minutos máis tarde, tras un taconazo espectacular de Baleato que José Ángel rematou despexando coa testa de xeito afortunado.
            Mediado o segundo tempo, no minuto 66, o dianteiro racinguista Erni logrou controlar un balón enviado desde a medular, marchar dos defensas ordenses e finalmente batir a Mario cun gran disparo colocado. Tralo gol do empate, o Vilalbés intentou ir a polo encontro dando entrada a Nico, que tivo algunhas oportunidades para lograr a victoria dos locais, aínda que o marcador non se volveu mover en toda a tarde.
Ó final, o reparto de puntos entre Rácing e Ordes serviu para poñer fin á xeira negativa de resultados do equipo vilalbés e tamén para confirmar as boas sensacións dun conxunto ordense que está a lograr importantes éxitos ante rivais moi complicados.  


Premio
Para o colexiado Botana Rey. Moi seguro e acertado nas súas decisións. Deixou xogar e non provocou xogadas polémicas.

Castigo
Para a primeira metade do conxunto local. Moitos erros e imprecisións provocados pola ansiedade e a falta de concentración.

Mazazo
Para Baleato. Tivo o 0-2 nas súas botas, pero o seu remate acrobático de calcaño atopouse coa cara do meta José Ángel.


PALABRA DE TÉCNICO

“Debemos mellorar resultados para rematar coa ansiedade”
Carlos Alberto Díaz Reboiro ‘Charly’
Rácing Club Vilalbés

“Vimos dunha mala dinámica, e xa nos primeiros minutos púxosenos o partido costa arriba. Na primeira parte faltou fluidez, algo provocado porque, mentalmente, chegamos ó partido con moita ansiedade. Aínda que temos moitas baixas por lesións e sancións, estas non son escusa para xustificar os malos resultados. Tralo paso polo vestiario houbo un cambio a mellor, xa que logramos dar amplitude ó campo e ter o control do balón. Con respecto ó colexiado, un dez para Botana, moi acertado e pouco protagonista; deixou xogar ós dous equipos”.


“Puidemos gañar, pero marchamos contentos co resultado
José Ignacio Fernández Pacios ‘Nacho’
S.D. Ordes


“Houbo momentos no que estivemos máis preto do 0-2 ca do empate. Tivemos ocasións para lograr a victoria nun campo moi complicado, contra un rival difícil, polo que hai que estar contentos. Tralas últimas xornadas atopamonos ben e, a pesar de termos un plantel curto, no que precisariamos máis fondo de armario, o certo é que amosamos un bo nivel de xogo. Hoxe estivemos mellor ca eles, pero penso que o Rácing ten equipo para estar nos postos altos da táboa”.


O PROTAGONISTA

Hugo Criado 
Mediocentro do Rácing Vilalbés
“Temos que comezar a gañar para non perder o tren da liga”
Quizáis non foi a súa mellor actuación da temporada pero, trala sanción do capitán Pablo Vivero (tres partidos), é o encargado de dirixir ó equipo dentro do campo. A remontada ante o Ordes non sería o mesmo sen a súa capacidade de mando na medular.

É importante este resultado tralas últimas derrotas?
É positivo, sobre todo porque remontamos, e o certo é que puntuar sempre conta. Aínda así, nos buscabamos un punto de inflexión, cunha victoria, logrando os tres puntos. As sensacións son agridoces, xa que levabamos unha dinámica mala e agora o equipo está mellorando.
Esa mellora tamén se notou entre a primeira e a segunda metade do encontro...
Houbo varios cambios tralo descanso: arranxamos desaxustes, pasamos a xogar con dous puntas, con máis caída en banda, e logramos meter ó Órdes na súa área durante boa parte dos segundos 45 minutos.
Hoxe o partido non destacou pola polémica arbitral. Aínda así, queda a resaca das xornadas anteriores?
Queda, pero xa non só polas decisións arbitrais, senón pola mala dinámica do equipo. Quedache a espiña de ‘a ver se damos arrancado, a ver se reaccionamos’, porque vemos que os demáis equipos tamén fallan, e temos que aproveitar iso. Necesitamos tres ou catro xornadas puntuando de tres en tres para engancharnos á liga.
E non será complicado, tendo en conta as múltiples baixas?
A verdade é que formamos unha plantilla moi equilibrada e moi competitiva, polo que os postos sempre quedan suficientemente ben cubertos. Aínda así, é certo que xa pola semana non se pode adestrar coa intensidade habitual, porque hai moita xente tocada e esa xente é importante. Sobre todo nas malas rachas nótase moito.
Chega agora un mes de febreiro ante rivais incómodos, e despois aínda quedan Ferrol, Cerceda e Deportivo, todos consecutivos. Hai medo?
Nós queremos cambiar a dinámica, polo que vamos enfrontar todos os partidos de ti a ti. Esa é a única maneira de coller o tren da liga para poder estar entre os catro primeiros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario