lunes, 13 de febrero de 2012

FÚTBOL. TERCEIRA DIVISIÓN

Vilalbés superior, árbitro excesivo
A victoria racinguista viuse empañada pola deplorable actuación dun colexiado que expulsou ata a tres xogadores visitantes nun encontro exento de violencia


RÁCING VILALBÉS
2
0
F.C. BERGANTIÑOS
José Ángel
Diego López
Suso
Roberto Prieto
Álex

Pillado 88’
Hugo
Vicente
Justino
Félix

Nico 71’
Erni
Dani

Novas 76’


ADESTRADOR:
Charly
Yáñez
Marc
Álex Canedo
Sergio
Rebollo
Héctor
Feáns
Moreiras 26’
Julio Bayo
Trovo
Toja
Rudi 77’
Efrén


ADESTRADOR:
Chus Baleato
GOLES
1-0 (min. 12’)
Gran recuperación de balón de Justino, que asiste a Erni para que remate cun gran disparo colocado á escadra
2-0 (min. 84’)
Desmarque de Nico, que controla, vaise do gardameta a través dun bo autopase e marca a porta baleira
ARBITRAXE
ÁRBITRO: Pérez Cabaleiro, vigués (DEFICIENTE)
Expulsou por dobre cartón a Trovo, Julio Bayo e Álex Canedo, os tres do Bergantiños. Tamén amosou amarela a Dani polos locais e a Efrén polo equipo visitante.
INCIDENCIAS
Encontro da XXV xornada do Grupo 1 de Terceira División desputado no Estadio Municipal de A Magdalena en Vilalba.
Clima moi frío pero estable, sen chuvia.


A CRÓNICA
Hai veces que un equipo, a pesar de perder, marcha do campo con bo sabor de boca. Hoxe pasou todo o contrario: o Vilalbés logrou unha importante victoria ante o Bergantiños pero foise da Magdalena cun deixe de decepción, non polo xogo nin polo resultado, senón por culpa dun árbitro que deixou ós visitantes con oito xogadores e coa dignidade polo chan.
    A primeira metade, aínda que pareza mentira tralo visto na segunda, foi un espectáculo de gran fútbol dun equipo, o racinguista que, comandado por uns enormes centrocampistas chamados Vicente e Justino (este último pretendido polo outro Rácing, o de Ferrol) que tentaron en todo momento amosar un xogo combinativo e de toque, iso si, non exento da brega que caracteriza ó conxunto chairego.
    Concretamente, o primeiro gol chegou despois dunha xogada de loita na que Justino logrou roubar limpamente o balón a un xogador do Bergantiños para a continuación asistir a un enrachado Erni, que marcou un tanto calcado ó que conseguira contra o Ordes quince días antes, cun disparo colocado á esquerda do gardameta. Durante o resto da primeira parte foi o Rácing o que levou o peso do encontro, e incluso puido aumentar a súa vantaxe, aínda que o Bergantiños non baixou os brazos e mesmo tivo unha gran ocasión para empatar no minuto 34, a través dun córner no que a pelota se paseou pola liña de gol, cun José Ángel batido e cun Diego López que salvou ó seu equipo in extremis.
    O segundo tempo comezou dunha forma moi similar ó primeiro, cun xogo moi igualado a través do cal o Bergantiños se resistía a perder e o Vilalbés intentaba marcar o segundo tanto. Foi a partir do minuto 60 cando comezou o espectáculo do colexiado, un festival de cartóns que acabou deixando ós visitantes con oito xogadores nun partido sen lances violentos. O primeiro perxudicado foi o extremo Trovo, que recibiu o segundo cartón no 61 por falar de máis. Mesmo diagnóstico para o central Álex Canedo no 88, xa co partido vendido. O terceiro perxudicado, quizais o máis comprensible, o mediocentro Julio Bayo, que viu a segunda amarela no minuto 68 tras unha dura entrada na medular.
    Entre medias do ‘pasatempo’ arbitral, o Rácing continuou a xogar do mesmo xeito, intentando facer o gol da tranquilidade. Puido logralo Justino no primeiro minuto da reanudación, cunha vaselina que marchou alta, ou Vicente no 66, cun fortísimo disparo lonxano que petou no longueiro. O rexeite recolleuno Dani, que conseguiu meter o coiro entre os tres paos, aínda que o gol foi anulado por posición incorrecta. Si logrou anotar, en cambio, o habitual revulsivo racinguista, un Nico que entrou de refresco e que, no 84, conseguiu pechar o encontro cunha xogada de desmarque, control, autopase ó porteiro, sprint e remate a porta baleira.
    O partido rematou para o Vilalbés de xeito agridoce, xa que, segundo se podía notar nas facianas dos xogadores e do corpo técnico, non gustou a forma de gañar tralo ocorrido no segundo tempo. O máis positivo para os locais foi o resultado, xusto e merecido para un conxunto que foi a polo encontro, especialmente na primeira metade, e que se asenta na cuarta praza da categoría tras poñer fin súa xeira de empates e derrotas. A parte negativa foi o castigo excesivo e completamente fóra de lugar para un Bergantiños que terá que afrontar a vindeira xornada con tres baixas moi importantes, un castigo infrinxido polo exceso de protagonismo e pola falta de diálogo dun colexiado. 

O segundo gol racinguista foi obra de Nico. J.VAZQUEZ (El Progreso)
Premio
Para a primeira parte do Vilalbés. Seguridade defensiva, orde no centro do campo e moitas chegadas á área do Bergantiños, que case non tocou o balón.

Castigo
Para o colexiado Pérez Cabaleiro. Buscou o protagonismo en todo momento, expulsando a tres xogadores visitantes nun encontro sen ningún tipo de dureza.

Mazazo
Para Vicente. Puido marcar o segundo gol racinguista en varias ocasións, a máis clara un espectacular lanzamento lonxano que se foi contra o longueiro.


A DECLARACIÓN DA XORNADA
“O colexiado riuse na nosa cara descaradamente”
Moreiras
Xogador do Bergantiños
 “Marchamos moi enfadados. Unha cousa é que che expulsen a alguén, aí calas e non pasa nada, pero hoxe o árbitro ríuse na nosa cara descaradamente. Cando xa estaba o partido perdido, aínda se atrevía a incitarnos dicíndonos, en plan despectivo: ‘Un poquito más, un poquito más’. Foron tres expulsións por non decir nada. Xogamos contra un bo equipo, disputamos e loitamos o partido, pero, sabendo que necesitas os tres puntos e fanche isto. Non vin na miña vida o que vin nos últimos dez minutos: sete persoas sobre o campo. As cámaras estan aí para ver o que pasou realmente, e a directiva fara o que teña que facer. Realmente lamentable.” 


PALABRA DE TÉCNICO

“Esta victoria era o que nos faltaba para pasar o bache”
Carlos Alberto Díaz Reboiro ‘Charly’
Rácing Club Vilalbés 


“Tivemos ó equipo moi metido en todo momento, sobre todo no primeiro tempo. Independentemente do que pasou no segundo tempo, coas expulsións e todo o demáis,  once contra once fomos sempre moi superiores, e tivemos ocasións para facer o 2-0 ou o 3-0. Fallamos e eles puideron empatar nalgunha ocasión, pero son cousas que sabes que poden pasar. Aínda así, tivemos unha das mellores primeiras partes da temporada na casa, malia non matar o partido. É moi importante volver a sumar e a gañar na Magdalena. O tema do árbitro empañou un pouquiño a victoria, pero o importante é que xa pasamos o bache que teñen todos os equipos. Os xogadores estiveron a un bo nivel e temos que estar contentos co resultado e coas ocasións que tivemos na primeira metade. Aínda que temos baixas, o equipo xogou ben. É o que pasa sempre: se perdes, nótanse; se gañas, non pasa nada. Aínda así, sabemos que son xogadores importantes.”


“As expulsións foron un atentado contra a nosa dignidade” 
Jesús Inocencio 'Chus' Baleato Negreira
F.C. Bergantiños

“Non é un partido para esquecer; é un partido para recordar e facer moitas lecturas. Unha cousa é a derrota e outra é xogar coa dignidade dun equipo coa historia do Bergantiños. O propio Vilalbés non sinte alegría pola victoria. Foi un partido totalmente normal e non entendo o que pasou. Non me refiro ó resultado, xa que o Vilalbés é un bo equipo, sobre todo nas estratexias e no xogo aéreo. Hoxe pasounos a nos, mañá pasalle a calquera. Eu non recordo que me pasase isto nunca, aínda se fose un partido brusco, entenderíao, pero... O árbitro desde trinta metros sabe o que di un xogador e expúlsao. E o gran problema non é perder hoxe, senón que quedamos hipotecados para o domingo que vén.”


O PROTAGONISTA

Erni González
Dianteiro do Rácing Vilalbés
“Gañar é a mellor fórmula para non sufrir ó final da liga”
O xogador vivariense convertiuse este ano nunha das sorpresas da categoría, especialmente tralas súas duas últimas actuacións no estadio da Magdalena, ambas con gol e tinguidas de calidade e entrega.


Como valoras este resultado?
Estamos moi contentos, xa que viñamos dunha racha sen gañar e agora logramos dúas victorias consecutivas, esta na casa.


Marcaches dous goles parecidos, moi ben colocados, nos dous últimos partidos que xogastes como locais. Tamén contento?
Eu sempre estou contento por xogar e por marcar, sobre todo cando o equipo gaña, xa que é importante conseguir victorias neste tramo da temporada. Sería vital sumar catro triunfos seguidos para seguir arriba e non sufrir de cara ó final. 


Posiblemente sexas un dos xogadores máis mellorados desde o inicio da liga ata hoxe. Foi dura a adaptación?
Ó principio custoume un pouco coller o ritmo, xa que viña de Preferente, unha categoría inferior, pero a base de confianza, adestramentos e xogando partidos, pouco a pouco a adaptación foise cumplindo ata ser un máis co equipo.


Cres que, tanto ti coma o equipo, podedes seguir cos bos resultados obtidos nestas últimas datas?
Eu penso que si. Todos, tanto equipos como xogadores, pasamos por malas rachas pero iso acaba por rematar. Agora hai que pensar unicamente en puntuar e seguir gañando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario